Thursday 25 de April de 2024

A pesca sostible reivindicou a súa importancia na V Mostra Mares da Fin do Mundo


Este domingo, 30 de outubro, desenvolveuse a terceira xornada da V edición de Mares da Fin do Mundo, Mostra Internacional de Cinema Documental, que se está a celebrar no Concello de Outes ata o 1 de novembro. Arrancouse o día no Náutico do Freixo coa Mesa redonda sobre Pesca Sostible, na que se reflexionou acerca de “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”. A mesa, moderada por Javier G. Galdo (biólogo mariño), contou coa participación de Fabián Ben (proxectos da FNCP), Carmen Alonso (patroa e pescadora no “Carmín”, Asturias), Emilio Louro (comercialización e distribución de pesca artesanal online) e Eva Velasco (científica e investigadora en IEO/DIVERSIMAR). A continuación, nas mesmas instalacións, tivo lugar unha demostración gastronómica a cargo de profesionais locais pertencentes á Asociación de Hostalaría Ría da Estrela, na que os participantes puideron degustar pratos elaborados con produtos de proximidade.

A xornada continuou pola tarde coas proxeccións de 8 filmes que forman parte da Competición Oficial. Divididos en 3 bloques, as proxeccións comezaron ás 17:00 h na Casa da Cultura de Outes. No primeiro bloque proxectáronse tres títulos, After Ice, de Kieran Baxter (Reino Unido / Islandia, 2021), un documental que amosa o impacto que os seres humanos están a ter nos sistemas da Terra mediante a combinación de vistas aéreas históricas e actuais de seis glaciares na rexión islandesa de Hornafjörour. Le constat de la crevette grise, de Rémi Murez (Bélxica, 2021), retrata o perigo enterrado no Mar do Norte en forma de restos de municións químicas de guerras pasadas, que están a segregar gases tóxicos na actualidade. Liquid Ground, de Enar de Dios (Austria / España, 2021), é unha obra experimental sobre os fondos oceánicos e a súa cartografía para falar de colonialismo, ecoloxía e representación.

O segundo bloque do día abriuse con Pez volador, de Nayra Sanz Fuentes (España, 2022), filme que documenta a incidencia que o ser humano e a tecnoloxía están a ter na transformación e alteración dos hábitats mariños. Xaar Yallà, de Mamadou Khouma Gueye (Senegal / Francia, 2022), trata sobre a repercusión que a subida do nivel do mar está a ter en Saint–Louis, a chamada “Venecia do Sur”. No último filme do bloque proxectouse Last of Us, de Andrea Marcovicchio (Italia, 2021). Este documental retrata a desaparición progresiva e o futuro incerto do mundo da pesca e o patrimonio asociado no Lago Maggiore.

A xornada pechou coa proxección de dúas obras máis, do terceiro bloque do día, que daba por rematadas as proxeccións da Competición Oficial. The Silent Wave, de J.J. Abraham e Vishnu Hari / ICSF (India, 2021), filme centrado no impacto que a primeira vaga de Covid-19 tivo nas actividades pesqueiras en Kollam, no sur da India. Pechou a xornada Mayotte, la mer buissonière, de Pierre Belet (Francia, 2021), obra documental que amosa a realidade á que se enfronta a poboación na illa de Mayotte, onde maioría da xente ten menos de 18 anos.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).